MALÓ ANUNCIA UNHA LISTA PARA SEGUIR A MANTER TEO COMO «UNHA REFERENCIA DE BEN GOBERNAR»
Autor: PXCT Comunicación
Data: 31 marzo, 2023

O 25 de Abril, Luou acolle o acto de presentación da candidatura do Proxecto Común porque o pobo é quen máis ordena

TEO. Venres, 31 de marzo de 2023 – María López, Maló, candidata do Proxecto Común de Teo (PXCT) á alcaldía nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio, vén de pechar a lista do Pexeceté, que foi ratificada pola asemblea local, o pasado venres 24 de marzo. Maló amósase moi satisfeita do equipo que constitúe “para lograr unha quinta lexislatura que lle dea continuidade ás de Martiño Noriega e Rafa Sisto e manter Teo como unha referencia de ben gobernar”.

Neste sentido, os primeiros dezasete postos da candidatura contan con nove persoas que xa acompañaron os anteriores rexedores, incluída a propia Maló, para darlle continuidade ao proxecto e aportar a imprescindible experiencia, e incorpora oito novas, algunhas que se estrean na política e outras que debutan nunha lista electoral, aínda que levan tempo militando ou participando activamente nela.

Dunha banda, figuran representadas as trece parroquias que forman o concello de Teo a través de vinte e tres persoas (seis suplentes) vinculadas, ben con asociacións veciñais, ben culturais, ben escolares ou outros eidos laborais ou de colaboración, e con intensa implicación en cadansúa parroquia.

Por outra banda, a aspirante a rexedora do Pexeceté considera un privilexio que o Proxecto Común consiga ilusionar a xente nova e salienta, especialmente, a inclusión na candidatura dunha moza de 20 e un mozo de 23 anos polo propio valor intrínseco da renovación e pola súa toma de conciencia política.

Por riba de todo, Maló quere dar as grazas ás vinte e dúas persoas que a acompañan na lista, a moitas outras coas que falou e declinaron facelo, e todas aquelas que fixeron, fan ou farán apoios públicos ao PCXT, “un espazo político que existe na medida en que hai xente que aínda nos segue apetecendo termar do noso concello”.

Desde mañá, persoa a persoa, día a día na nosa web e redes sociais_

Unha vez rematado este proceso, o Pexeceté vai dar a coñecer as persoas que conforman a lista a partir de mañá, sábado 1 de abril, facendo cadrar cada día co número que ocupan na candidatura deica o día 23 de abril, precisamente, cando pecha o prazo para inscribilas diante da Xunta Electoral de Zona de Santiago.

Así, o PXCT busca darlle o relevo que merece cada candidata/-o, ao tempo que informa á veciñanza sobre quen son as integrantes do proxecto que vai votar o 28 de maio. Para iso, presenta cada día do mes a unha das persoas da lista, cadrando co número que ocupa nela, a través duns datos biográficos básicos, acompañados da foto e dun breve texto persoal. De feito, as dezasete persoas que resulten elixidas nas urnas, ese cuarto domingo de maio, serán as encargadas de votar, no pleno constituínte da Corporación, o sábado 17 de xuño, a persoa que ocupará a alcaldía de Teo que, o PXCT confía en que sexa María López.

O 25 de Abril, en Luou: FOI, É SERÁ. O pobo é quen máis ordena!

Nun día tan emblemático como o 25 de Abril, 49 aniversario da Revolución dos caraveis, o PXCT prevé organizar, en Luou, un acto oficial de presentación da candidatura que pecha, como é costume, o alcalde saínte, Rafa Sisto, no nº 17.

A parroquia natal de Sisto será testemuña do adeus do seu fillo á alcaldía, despois de 8 anos, e da fin dun ciclo de 20 traballando no Concello, desde os comicios do 25 de maio de 2003, cando entrou como concelleiro da oposición xunto con Martiño Noriega e dúas compañeiras máis.

Amais, a mesma carballeira de Luou, servirá de escenario para a benvida de María López, veciña da mesma parroquia, como aspirante á alcaldía como cabeza da lista do Proxecto Común de Teo, quen se encargará de presentar as 22 persoas que a acompañan no reto de revalidar a alcaldía e o goberno de Teo.

FOI Martiño Noriega, É Rafa Sisto e SERÁ Maló porque o pobo é quen máis ordena.

Martes publícase a convocatoria das eleccións no BOE_

Precisamente, a semana que vén, coincidindo coas vacacións escolares da semana santa, ponse en marcha a maquinaria electoral, xusto o martes, 4 de abril, coa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do Real Decreto da convocatoria das eleccións locais e autonómicas en doce comunidades e Ceuta e Melilla.

Nese mesmo Real Decreto, indicarase que as listas serán proclamadas, definitivamente, o luns 1 de maio, e que a campaña durará quince días, comezando ás cero horas do venres 12 de maio e finalizando ás vinte e catro do venres 26. É ben lembrar que esta convocatoria afecta tamén ás todopoderosas Deputacións Provinciais, cuxos membros serán elixidos unha vez celebradas as eleccións segundo os resultados obtidos nos partidos xudiciais.

Os 32 concellos de 10.001 a 20.00o habitantes elixen 17 edís_

O concello de Teo rexistra 18.918 habitantes, consonte o último censo referido ao 1 de xaneiro de 2022, polo que elixe, nos comicios do 28 maio, 17 edís, segundo contempla a Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.

Dos 313 concellos galegos, só 33 se sitúan na mesma franxa de Teo, de 10.001 a 20.000, que elixe 17 edís, sendo o noso o terceiro máis poboado cunha diferenza de 58 habitantes co tamén coruñés de Boiro e, de 556 co pontevedrés de Moaña:

Moaña (Po) – 19.474
Boiro (C) – 18.976
TEO (C) – 18.918
Monforte (Lu) – 18.081
Nigrán (Po) – 18.054
Sanxenxo (Po) – 17.760
Tui (Po) – 17.375
Poio (Po) – 17.276
Sada (C) – 16.627
Viveiro (Lu) – 15.231
Mos (Po) – 15.199

Gondomar (Po) – 14.970
Noia (C) – 14.140
O Carballiño (Ou) – 13.932
Vilalba (Lu) – 13.881
Tomiño (Po) – 13.779
Cambados (Po) – 13.671
Verín (Ou) – 13.625
O Barco de Valdeor. (Ou) – 13.350
Sarria (Lu) – 13.214
Betanzos (C) – 13.066
Ordes (C) – 12.589
Fene (C) – 12.702
Baiona (Po) – 12.349
Bueu (Po) – 11.978
A Laracha (C) – 11.505
Barbadás (Ou) – 11.061
Rianxo (C) – 10.949
O Grove (Po) – 10.809
Vilanova de Arousa (Po) – 10.240
Foz (Lu) – 10.118
Salvaterra de Miño (Po) – 10.079
A Guarda (Po) – 10.013

No que se refire aos 281 municipios restantes, 23 contan con máis poboación có noso e, a maioría, 257, quedan por baixo dos 10.000 habitantes, incluso máis de 200 por debaixo dos 5.000 habitantes.

Entre 20.001 e 50.000 > 21 edís – 16 municipios
(ningún nas provincias de Ourense e Lugo)
Narón 38.938
Vilagarcía de Arousa 37.677
Oleiros 37.271
Arteixo 33.076
Carballo 31.432
Ames 31.095
Culleredo 30.790
Redondela 29.055
Ribeira 26.897
Cangas 26.832
Cambre 24.505
Marín 24.034
Ponteares 23.049

O Porriño 20.408
Lalín 20.201
A Estrada 20.106
Con máis de 100.000 > 27 edís – 3 municipios
Vigo 292.374
A Coruña 244.700
Ourense 103.756

Entre 50.001 e 100.000 > 25 edís – 4 municipios
Santiago 98.179
Lugo 97.211
Pontevedra 82.828
Ferrol 64.158

Abride as portas que é do pobo!

Abride as portas que é do pobo!

O Proxecto Común de Teo esíxelle ao goberno de Teo a apertura inmediata do aparcadoiro e mais do parque de Luou porque lle pertencen ao pobo e boa falla que fai que estean abertos. A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, mantén pechados o aparcadoiro e mailo parque da...

POUCA VERGONZA E MENOS DIGNIDADE

POUCA VERGONZA E MENOS DIGNIDADE

Prometérame a min mesmo morderme a lingua e respectar os primeiros 100 días de traballo do novo goberno municipal sen realizar valoracións nin críticas. Cuestión de elegancia, pero a noxenta nota de prensa do Partido Popular na que se acusa ao anterior goberno de...

Share This