POUCA VERGONZA E MENOS DIGNIDADE
Autor: PXCT Comunicación
Data: 17 septiembre, 2023

Prometérame a min mesmo morderme a lingua e respectar os primeiros 100 días de traballo do novo goberno municipal sen realizar valoracións nin críticas. Cuestión de elegancia, pero a noxenta nota de prensa do Partido Popular na que se acusa ao anterior goberno de “gravísimas irregularidades” fai que non poidamos permanecer impasibles diante de tamaña mentira.

O primeiro que debera facer a nova alcaldesa é deixarse de tanta procesión e de tanta festa e traballar (e estudar) un pouquiño. Para descualificar a suposta “auditoría interna” e ver ata que punto falta á verdade, basta cunha pequena comprobación: acúsase ao goberno anterior de facer contratacións que superan o límite do contrato menor (15.000€), entre eles a obra de construción das beirarrúas diante do IES de Cacheiras. Que a alcaldesa sexa novata non xustifica a súa ignorancia, xa que debera saber que o límite de 15.000 é para os contratos de servizos e subministracións, non para os contratos de obras (como a do IES), que teñen un límite de 50.000€.

A nota de prensa pon en boca da alcaldesa a afirmación de que “o nulo respecto pola legalidade dese Executivo supuxo un grave prexuízo para as arcas de Teo”. Hai que ter moi pouca vergoña para facer semellante afirmación sen citar ningún caso dese suposto prexuízo para as arcas municipais. Ningún, ningún porque é unha escandalosa mentira.

Entre as “graves irregularidades” fala de quince contratos en precario, como o dos campamentos do verán. Debemos aclarar que non se trata de que eses contratos fosen adxudicados a dedo, senón que as empresas gañaron unha licitación pública con todas as garantías. É certo que venceu a súa vixencia e fai falla realizar unha nova licitación pero, mentres os servizos administrativos e de contratación non a realizan, as empresas adxudicatarias deben seguir a prestar o servizo por tratarse de servizos básicos coma a recollida do lixo. Supoño que ninguén defende que haxa que pechar a piscina municipal porque o contrato estea vencido. E por que non se realiza a nova licitación? Obviamente, a alcaldía non pode realizala (nin eu antes, nin ela agora). Os Servizos administrativos de Secretaría e Contratación están saturados e podo afirmar que as traballadoras municipais que os dirixen están a facer todo o que poden e máis e merecen todo o meu respecto e recoñecemento. Nunca, nunca, nunca, nos oito anos que fun alcalde se lle dixo a ningún traballador municipal que non se realizase unha licitación, nunca! En troques, foron moitas veces as que acudimos preocupados a ver como avanzaba tal ou cal licitación e a ver cando lle tocaba xa as pendentes. Certo é que as deficiencias de persoal deses departamentos complican moito levar a xestión ao día e que deben ser reforzados pero niso, tamén ten moita responsabilidade o goberno central do Partido Popular que durante anos impediu, incluso, a reposición do persoal xubilado. Unha mostra evidente: se fose tan doado e dependese da alcaldía, por que nestes case cen días (cúmprense o 25) a nova alcaldesa non realizou a licitación de ningún dos contratos pendentes?

Fala dun montón de facturas sen proposta de gasto e retención de crédito. Quizais, o primeiro que hai que aclarar é en que consiste iso: unha retención de crédito é un procedemento administrativo interno que ten, como única finalidade, garantir que cando chegue a factura ao Concello vai haber cartos para pagala. Pois ben, durante os oito anos que fun alcalde ningunha factura quedou sen pagar, ningunha! Obviamente, tiñamos un control do gasto exhaustivo e todos os concelleiros e concelleiras levaban un control absoluto do gasto. Ás veces, por razóns de urxencia ou do pequeno importe, pode que non se realizase a retención, pero porque todos tiñamos a seguridade da existencia de crédito nas partidas ás que se aplicaban. O dito, a proba é que nunca quedou sen pagar unha factura que nos contratáramos por falta de crédito.

Por certo, non coma na actualidade cando, para subir o soldo da alcaldesa e para pagarlles aos concelleiros/as, se deixa a cero a partida destinada ao pagamento do soldo da Técnica de Turismo. Pero que cada quen aguante a súa vela.

Pero aínda hai que ter menos vergonza e moi pouca dignidade, para criticar os logros sociais dos traballadores e traballadoras subrogadas do Concello. Criticar que se lles pague a antigüidade ou que se equiparen os seus dereitos na acción social é de desvergoñadas (á parte de ser un ataque directo a toda a lexislación europea que defende esa igualdade). E, por outra banda, se cre a alcaldesa e o Partido Popular de Teo que se realizou algunha contratación ilegal nos Plans Sociais como a RISGA e o APROL, saben onde están os xulgados, pois con iso non se xoga. Se cadra, o que non é de recibo non é a súa contratación, senón que se obrigue ás persoas traballadoras do RISGA (que teñen unhas características moi especiais) a asumir unha responsabilidade que non lles corresponde para realizar un traballo durante as fins de semana sen ningún tipo de supervisión ou control. Iso si que é ilegal!

A verdade é que xa estou un pouco farto de escoitar o de “non deixaron un peso”, “non hai remanente de tesourería”, etc. A acta de arqueo realizada pola intervención municipal ao final do noso mandato constata que nas contas municipais estaba depositado máis de un millón de euros (eses que atoparon a pesar de que “non había” para subir o soldo da alcaldesa). E o remanente de Tesourería utilizouse (por acordo plenario) para completar o 20% que corresponde á contribución municipal do PIREP (subvención europea conseguida durante o noso goberno) para a restauración integral da Escola de Cacheiras.

Así que menos fume e máis traballo!

Rafa Sisto. 17 de setembro de 2023

Abride as portas que é do pobo!

Abride as portas que é do pobo!

O Proxecto Común de Teo esíxelle ao goberno de Teo a apertura inmediata do aparcadoiro e mais do parque de Luou porque lle pertencen ao pobo e boa falla que fai que estean abertos. A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, mantén pechados o aparcadoiro e mailo parque da...

PaTeo CON MALÓ, A CAMPAÑA ELECTORAL DO PEXECETÉ

PaTeo CON MALÓ, A CAMPAÑA ELECTORAL DO PEXECETÉ

O Proxecto Común de Teo (PXCT) desenvolve unha campaña electoral de cara ás eleccións municipais do 28 de maio diferente da acostumada e co firme propósito de chegar a cada recuncho e a cada habitante de Teo. A candidatura liderada por María López, Maló, organiza...

Share This