Foi un venres, 8 de xuño de 2012. Hai unha década xusta!

No restaurante Pórtico de Cacheiras, en Teo!

Presentamos o Novo Proxecto Común nun salón ateigado de xente chea de gana por construír “outra maneira de facer política desde Teo para facer deste país unha aldea gala”, segundo explicitou o daquela alcalde, Martiño Noriega rodeado das seis persoas que conformaban con el o goberno teeense.

 

 

“Tudo vale a pena Se a alma não é pequena”. Estes versos de Pessoa, pronunciadas polo falecido profesor Fernando Acuña Castroviejo, pecharon espontaneamente aquel fermoso encontro cun aquel de premonición.

Agora, recuncamos! Retomamos aquel Novo Proxecto Común. Deixamos o Novo e seguimos co Común con dez anos de experiencia no lombo e o firme convencemento da necesidade do noso espazo político.

Hoxe, SOMOS o PROXECTO COMÚN DE TEO, unha forza política

RADICALMENTE DEMOCRÁTICA

Incrementando o poder de decisión da cidadanía, facilitando a súa presenza nas institucións e eliminando os privilexios dos que exercen o poder político ou económico.

RADICALMENTE ÉTICA

Favorecendo a participación da xente na toma de decisións e a transparencia nos procesos de adxudicación, buscando dinámicas xustas que protexan a poboación dos intereses especulativos.

RADICALMENTE ABERTA

Capaz de ofertar formas vivas de información, opinión e participación, de respectar a discrepancia e que pense na xente e non só na militancia.

Consecuentemente, o PROXECTO COMÚN persegue:

1. Reivindicar a política como mecanismo lexítimo de poder do conxunto da sociedade e como parapeto fronte a outros poderes, especialmente, o económico-especulativo.

2. Transmitir como elemento de diferenciación unha posición radicalmente democrática e ética. Democrática, trasladando socialmente os mecanismos de decisión internos e apoiando medidas que incrementen o poder de decisión da sociedade: eliminación de mínimos porcentuais para o acceso ás institucións, listas abertas, etc. radicalmente ética, nas cuestións económicas: favorecendo a participación na toma de decisións e o control social das adxudicacións, eliminando todo tipo de privilexios da ‘clase política’, etc.

3. Propiciar un cambio de valores sociais (colaboradores necesarios nas causas estruturais da crise económica), a organización da participación na toma de decisións e a renovación dos modos de intervención social: acompañar e non dirixir.

4. O eixe da política ten que ser a preocupación pola cidadanía. En certa medida a nosa organización ten que valer como asociación das persoas afectadas, ou como organización das consumidoras, das consecuencias das decisións ou das inhibicións políticas.

5. O noso espazo debe ser entendido como unha forma de representación política pero tamén como unha comunidade de intereses nas que conflúen as persoas que reclaman unha igualdade de trato ou oportunidades de actuación.

Queres facer política canda nós? Tes a porta aberta. Benvida! https://proxectocomunteo.gal/candanos

 

Share This