O Proxecto Común de Teo (PXCT) reparte durante esta campaña o voceiro elaborado para tal fin que leva en portada o cartel electoral coa foto da candidata á alcaldía, María López, Maló, coa súa famosa camiseta tuneada co MALÓ SERÁ. Na contraportada figura a candidatura completa con foto, nome e parroquia de cada compoñente e o enderezo electrónico onde ampliar a información sobre cada unha das persoas da lista https://proxectocomunteo.gal/
A dobre páxina interior leva como gran titular ‘Tres verbos para un goberno (2023-2027)’ e vai ilustrada coa imaxe de Martiño Noriega (alcalde 2007-15), Rafa Sisto (alcalde 2015-23) e María López, Maló, aspirante á remuda na alcaldía de Teo e, ao pé, FOI, É, SERÁ. Tres tempos verbais, pasado, presente e futuro do ser, que reflicte a continuidade do Proxecto Común de Teo con Maló á cabeza co modelo iniciado, hai dezaseis anos, en Teo.
A foto foi sacada en Francos (Calo) diante do mural, encargado polo Concello de Teo e executado pola artista teense Raquel Germade, o pasado 13 de novembro co gallo do vinte aniversario da desfeita do Prestige, que encheu de chapapote as costas galegas por mor do mal facer dos gobernos central e autonómico do PP de Aznar e Fraga tras pasear o barco sete días arriba e abaixo polo Atlántico. Do anoxo do pobo, xurdiu o movemento Nunca Máis, que homenaxea esta pintura testemuña da memoria e dignidade de Galiza lembrando, coa bandeira azul e negra e cos paraugas, aquela histórica manifestación de 250.000 persoas, do 1 de decembro de 2002 en Santiago baixo unha incesante choiva compostelá.
Tres verbos para un goberno (2023-2027)
Os tres verbos piares do programa son: garantir, afianzar e innovar que, como se recolle no voceiro, basicamente, implican garantir que o público vai seguir a ser público; afianzar o conquistado desde 2007, cando Teo desterrou a corrupción e a especulación urbanística e asentou un modelo, que é referencia de ben gobernar e, como terceiro verbo, innovar. O Pexeceté presenta unha candidatura de doce mulleres e doce homes comprometidas/-os con defender e preservar o logrado polos gobernos de Martiño e Rafa mais con ideas novas para seguir a modernizar Teo liderados por María López, Maló.
Dentro desta dobre páxina, salientan dous destacados para chamar a atención sobre o obxectivo de alcanzar as 20.000 persoas censadas en Teo, faltan menos de mil, e contar con máis presuposto para poder prestar servizos semellantes aos dos concellos da franxa de 20.000-30.000 como Ames. Noutro destacado, canteira e pirotecnia porque o PXCT é a garantía de que Toysal non instale o vertedoiro que as leis de PSOE e PP lle permiten e, na mesma liña, coa pirotecnia avalada polas normas de socialistas e populares.
O Proxecto Común de Teo quere blindar, co voto masivo da cidadanía o domingo 28 de maio, o modelo destes dezaseis anos de goberno, con erros e acertos, xaora! Mais valorando o conquistado, que hai que preservar e coidar porque é patrimonio de todas as persoas que viven en Teo.
A número 1, María López Álvarez, Maló
A papeleta do Proxecto Común de Teo leva como símbolo as siglas PXCT e o mesmo encabezamento que todas as demais en castelán e galego: elecciones locales 2023/eleccións locais 2023; concejales/as/concelleiros/as; Municipio de TEO/Concello de TEO. Embaixo aparece o nome da candidatura PROXECTO COMÚN DE TEO e, entre parénteses, as siglas do partido PXC, que se corresponden co Proxecto Común.
A seguir aparecen os dezasete nomes das persoas da lista, tantas como concelleiras/-os compoñen a corporación municipal de Teo, consonte o número de habitantes que ten, e que son as persoas que se elixen co voto do domingo 28 de maio. Despois figuran os nomes das persoas suplentes, sete no caso do Pexeceté, e que configuran unha listaxe total de vinte e catro persoas, doce mulleres e doce homes.
A lista, con infomación de cada unha das persoas, pódese consultar na web do Proxecto Común de Teo https://proxectocomunteo.gal/.
A papeleta vai encabezada co 1. María López Álvarez, ‘Maló’ e seguen o 2. Alberto Rivadulla Salgueiro, o 3. Raquel Martiz Casal, o 4. Benjamín Antonio Salgado Gómez, o 5. Vítor Villanueva Sánchez, o 6. Amalia Rodríguez Enríquez, o 7. Julia María Pozo Méndez, o 8. María Pita Braña, o 9. José Francisco Nanín Castro… ata o 17.Rafa Sisto, que pecha a lista, honorificamente, mailas sete suplentes.
Vota PXCT. Vota María López e Maló será.