O Proxecto Común de Teo esíxelle ao goberno de Teo a apertura inmediata do aparcadoiro e mais do parque de Luou porque lle pertencen ao pobo e boa falla que fai que estean abertos.
A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, mantén pechados o aparcadoiro e mailo parque da coñecida como ‘horta do cura’, en Luou, desde o pasado mes de setembro, en que apareceron ambos os portóns corridos impedindo o acceso ao recinto.
Tras case tres anos de obras, pandemia mediante, en que nunca se precintou o espazo, o PP estréase na alcaldía vetando o acceso ao recinto do seu único propietario, o pobo.
A alcaldesa incompetente do Partido Popular pon en risco a vida das persoas pechando un aparcadoiro moi necesario, obrigando a xente a aparcar nos espazos destinados ao paseo e o lecer. Só pola seguridade das persoas, abran o parque e o aparcadoiro xa!
O ex alcalde Rafa Sisto, asinou, en decembro de 2018, un histórico convenio co Arcebispado de Santiago polo que se recuperou para o uso público esta horta do cura así como, a Reitoral de Bamonde ou a finca da Tomada, en Calo, e mailo predio de enfronte da igrexa para aparcadoiro e sacar os coches do medio do parque.
Ben se ven as dúas formas antitéticas de gobernar, o PP pecha portas e mantén cerrado a cal e canto un espazo público sen explicación ningunha durante máis de dous meses e sen anunciar a apertura. A incompetencia!
O PXCT recupera os espazos para o público e nunca pecha portas, que sempre as abre, e ten meridianamente claro que quen manda é o pobo que, neste caso concreto, quere aparcar e xogar. A competencia!
Lembre a alcaldesa e o PP que gobernan un concello de esquerdas. Teñen a maioría electoral por 76 votos, si mais, as cinco forzas da esquerda que concorreron ás eleccións de xuño sumaron 720 votos máis có PP. É ben que o teñan presente.
Abride a fiestra que quero ver o mar”, foron, segundo contou Gala Murguía, as últimas palabras da súa nai, Rosalía de Castro, no seu leito de morte na padronesa casa da Matanza, en 1885. Unha vez máis acudimos á nosa meirande escritora, adaptando as súas postremeiras voces para dicir: Abride as portas que é do pobo!