2023 VAI DE PORTAS
Autor: PXCT Comunicación
Data: 20 octubre, 2022

Velaquí o noso calendario feito por e para Teo e descargable de balde

Teo, 18 outubro de 2022. – O ano que vén, 2023, vai de portas. Portas que abrimos e pechamos cadora. A porta que pecha Rafa Sisto, como alcalde durante os últimos oito anos, e a porta que confiamos en abrir con María López, en maio, cando os votos do pobo de Teo lle permitan ser a primeira alcaldesa do Concello de Teo. Por iso, trece portas das cadansúas trece parroquias teense enchen os doce meses maila portada do almanaque de 2023 creado pola xente do Proxecto Común de Teo (PXCT). E, precisamente por iso, María López Álvarez, a número 1 da lista do PXCT, abre de par en par a porta do mes de maio, sita preto da súa morada, en Regoufe-Luou.

O almanaque é feito, integramente, pola militancia do PXCT, tanto as fotos que o ilustran, como o deseño e a maquetación. Utiliza, unicamente, a lingua propia do país e é cento por cento teense no sentido en que vai construído cos nosos ollos, coas nosas festas parroquiais e os nosos festivos, os que nos afectan a nós localmente, canda outros acontecementos de interese desde o punto de vista de Teo e de Galiza. 

Deste xeito, o almanaque recolle os dez festivos estatais: os sete insubstituíbles: Aninovo, Venres Santo, Santa María, o Pilar, Todos os Santos, a Constitución e a Concepción e mais os tres substituíbles: Reis, Xoves Santo e o Día Nacional de Galicia; os dous nacionais: as Letras Galegas e mailo San Xoán, e ámbolos festivos locais en 2023: o martes de Entroido e a Ascensión. Recolle, ademais, os festivos locais dos oito concellos limítrofes: Santiago de Compostela (Ascensión e San Roque), Ames (luns de Pascua e Ascensión), Brión (Ascensión e Santa Minia), Boqueixón (martes de Entroido e Ascensión), Vedra (Ascensión e O Patio), A Estrada (San Paio e Santísimo), Rois (Luns de Pascua e San Sidro) e Padrón (Luns de Pascua e San Xoán do Raio). Por suposto, recolle as citas festeiras nas nosas trece parroquias: Bamonde, Calo, Lampai, Rarís, Reis, Teo, Vilariño, Cacheiras, Lucí, Luou, Oza, Recesende e Os Tilos, que se estenden por todos os meses do ano, agás en xaneiro.

Por outra banda, cada mes ocupa unha páxina e leva tamén cadanseu refrán, as lúas, o pleno municipal (aos derradeiros mércores de mes), a reunión da nosa asemblea local do PXCT, aos segundos mércores de mes, ás que vos animamos a asistir, e un feixe de datos curiosos ou destacables.

O calendario podédelo descargar de balde aquí ou, se o queredes en sete follas A3 con colgadoiro, estamos a imprimir cen exemplares que vendemos a 10 euros para, como coa lotaría de nadal, ir facendo peto de cara ás eleccións municipais. Solicitádenolo por correo a falacon@proxectocomunteo.gal, cunha mensaxe por algunha das nosas redes sociais, ou persoalmente, e miramos como facer a entrega.

Para rematar, como 2023 vai de portas introducimos, na portada, acompañando a fermosa porta de Vilanova, na parroquia de Oza, un poema titulado ‘A porta’ do brasileiro Vinícius de Moraes (Río de Janeiro, 19 outubro 1913 – 9 xullo 1980) que, en outubro do 2023 chegaría aos 110 anos. Cun verso da famosa canción ‘A garota de Ipanema’, obra tamén de Vinícius, pechamos esta entrada sobre o noso calendario 2023: Olha que coisa mais linda!

Abride as portas que é do pobo!

Abride as portas que é do pobo!

O Proxecto Común de Teo esíxelle ao goberno de Teo a apertura inmediata do aparcadoiro e mais do parque de Luou porque lle pertencen ao pobo e boa falla que fai que estean abertos. A alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, mantén pechados o aparcadoiro e mailo parque da...

POUCA VERGONZA E MENOS DIGNIDADE

POUCA VERGONZA E MENOS DIGNIDADE

Prometérame a min mesmo morderme a lingua e respectar os primeiros 100 días de traballo do novo goberno municipal sen realizar valoracións nin críticas. Cuestión de elegancia, pero a noxenta nota de prensa do Partido Popular na que se acusa ao anterior goberno de...

Share This