PaTeo CON MALÓ, A CAMPAÑA ELECTORAL DO PEXECETÉ
Autor: PXCT Comunicación
Data: 15 mayo, 2023

O Proxecto Común de Teo (PXCT) desenvolve unha campaña electoral de cara ás eleccións municipais do 28 de maio diferente da acostumada e co firme propósito de chegar a cada recuncho e a cada habitante de Teo. A candidatura liderada por María López, Maló, organiza catro ‘grandes’ actos para dar a coñecer a súa lista e o seu programa mais pivota o groso da campaña sobre a idea de PaTeo con Maló coa cal vai percorrer os cento corenta e nove núcleos de poboación das trece parroquias teenses, ao longo dos quince días da campaña.

O Proxecto Común de Teo vén de deseñar un taboleiro PaTeo con Maló, inspirado no tradicional xogo da oca, para facer constar todos os lugares ou núcleos de poboación de Teo polos que vai pasar, polo menos, unha vez a súa caravana electoral. Cada día, María López, Maló, pateará varios lugares anunciando a súa chegada coa melodía electoral: Maló será (https://youtu.be/jRyEbj1-CGE) soando na megafonía para escoitar e falar coa veciñanza e trasladarlles o seu programa de goberno.

Aínda que o percorrido irá adaptándose ás necesidades do momento, o Pexeceté anunciará, previamente, nas súas redes a onde se dirixirá, cada xornada, Maló acompañada sempre dalgunha das persoas integrantes da súa lista. A previsión artéllase consonte as seguintes franxas horarias: ás 16:00, ás 18:00 e ás 20:00, ás que lle engaden a quenda das 12:00, os festivos ou días non laborais.

Por outra banda, desde o Proxecto Común de Teo propoñen que calquera persoa interesada en que a candidata do Pexeceté visite un lugar, tome un café con ela ou transmitirlle calquera idea se poña en contacto con ela mesma ou enviando un correo electrónico a proxectocomunteo@gmail.com para concertar unha cita.

De todos os xeitos, toda a campaña do Pexeceté queda amplamente rexistrada nas súas redes sociais e na web www.proxectocomunteo.gal para que calquera persoa se poida informar cando queira.

O primeiro dos actos, aínda na precampaña e na zona suroeste do Concello, foi a presentación da lista o 25 de Abril, no local da Mámoa de Luou (https://youtu.be/fLbR3ablvRU) coa intervención de Rafa Sisto (alcalde 2015-23) e da aspirante a substituílo, María López, Maló. Unha fermosa e calorosa acollida onde presentaron o vídeo coa canción da precampaña: Todas somos Teo (https://youtu.be/dKYAFoL2y0E)

Co segundo, empezou a campaña, na zona noroeste, en Calo, na Casa común de Francos, coa presenza de Martiño Noriega (alcalde 2007-15) e a candidata á alcaldía, María López, Maló. (https://youtu.be/Ii1ilL6QIPk) O acto acabou coa xente presente cantando, ao son da pandeireta, a canción da campaña: Maló será (https://youtu.be/jRyEbj1-CGE)

O terceiro encontro, ao sueste do concello, celébrase en Vilariño, o sábado 20 de maio, no ecuador da campaña, ás sete da tarde, e trátase dun faladoiro electoral entre a veciñanza e o nº 2 da lista, Alberto Rivadulla, e a número 1, María López, Maló. Será no campo da festa aproveitando que abre a cantina da Comisión.

Para pórlle o ramo á campaña electoral, o Proxecto Común de Teo organiza un acto na zona nordés do concello, o venres 26 de maio, ás nove da noite, no restaurante Los Robles de Cacheiras. As intervencións correrán a cargo da número 3 da lista, Raquel Martiz, e da número 1, María López, Maló. O Pexeceté quere contar co apoio de toda a veciñanza teense para pechar quince intensos días de campaña e deixar claro, unha outra vez, o mantra electoral: Se votamos todas, Maló será

A LISTA DO PEXECETÉ PRESÉNTASE ANTE O POBO TEENSE O 25 DE ABRIL

A LISTA DO PEXECETÉ PRESÉNTASE ANTE O POBO TEENSE O 25 DE ABRIL

María López, Maló, e o PXCT dan a coñecer a sintonía electoral e mailo seu lema de campaña, martes que vén, en Luou TEO. Luns, 17 de abril de 2023 – O Proxecto Común de Teo (PXCT) comeza mañá, martes 18, coa presentación das seis persoas suplentes da súa lista unha...

DE REPARTO POR CACHEIRAS

DE REPARTO POR CACHEIRAS

“Cacheiras é, creo eu, para a meirande parte da xente que vivimos en Teo un lugar de referencia para o comercio, para moitos servizos, para o instituto, o centro de saúde, pois no meu caso. É unha zona que aglutina, pois, tanta poboación que, aínda que non vivas alí,...

Share This